Pílulas de Sampedro contra o medo

Decidino onte á noite escoitando a José Luis Sampedro en Salvados. Jordi Évole falaba co escritor, humanista, economista e sabio catalán da actual situación económica. E caín da burra. Efectivamente, «maestro», o país non avanza porque temos medo. Andamos polo mundo cos collóns de gravata, cos ovarios na gorxa e a valentía no cu. Andamos cos pés de chumbo coma se o mundo estoupase se mercamos unha barra de pan de máis. En palabras de Sampedro, a cousa está máis ca clara: «El miedo hace que no se reaccione, hace que no se siga adelante. Es mucho más fuerte que el altruismo, que el amor, que la bondad. Y nos lo están dando todos los días». Pílulas de medo para manternos no rego. Para facer de nós un pandeiro. Para quitárnos todo menos a vida. Vivimos presos dunha situación económica moi grave pero que nos queren vender como irreparable. Unha desgraza irremediable se non pasamos polo aro e estamos dispostos a perder todos os nosos dereitos. Os persoais e os laborais. A esquecer os nosos soños. A enterrar a ilusión e a utopía. A abandonar o altruismo e a solidariedade.

Decidino vendo a Sampedro polo televisor. Vou borrar os malos agoiros e tirar para adiante. Voume armar de valor para loitar co medo. Para vencelo e esmagalo. Non quero ser manipulada. Non vou ler nalgún tempo informacións económicas. Nin falar de desemprego nin de longas colas para suplicar traballo. Nin primas de risco nin IPC nin recesión nin déficit. Autocensura terapéutica. A partir de agora, enganchareime á vida sen números vermellos. Recuperareime deste aburrimento vital. Porque a vida non é só a señora Angela Merkel esixindo máis austeridade, senón tamén a conmovedora historia de Presley e Ethel Bradshaw. Unha parella de 101 e 99 anos, de Kentucky, que, despois de 73 anos casados, non concebían a vida separados. E a natureza cumpriulles o desexo.  A única ilusión que lles quedaba. Morreron xuntos, con só 4 horas de diferencia. Ás veces, gañan os soños.

Machuquemos o pesimismo e camiñemos coa cabeza ben alta. Quizais pobres. Ás veces desesperados. Anoxados. Desilusionados. Pero aprendamos da sabedoría de Sampedro : «Hay que aguantar esto con estoicismo porque hay que vivir con dignidad. Se habla mucho del derecho a la vida, pero es que hay más. Tenemos el deber de vivirla».

Deixa unha resposta

Olark Livehelp