O lado escuro da humanidade

É o que pasa cando só coñeces o lado máis escuro, cruel e desalmado da humanidade a través das noticias, da literatura ou do cine. Que é máis doado crer na outra dimensión de Avatar ou nos vampiros da saga Crepúsculo que no feito de que o adulterio ou a infidelidade aínda conleve para moitas mulleres a pena de morte. Enterradas ata o peito, e co medo nas entrañas, morren lapidadas e co estigma de crerse pecadores, seres indignos e a escoria do mundo. Grazas á mediación internacional, o réxime de Teherán non executará a Mohammadí Hastían, de 43 anos. Polo de agora, semella só un aprazamento. Unha pequena desviación da espada de Damocles. Un respiro para esta muller acusada dun adulterio nunca demostrado. Pero que valor pode ter a palabra dunha señora cando vive inmersa nunha sociedade machista onde vir ao mundo cos cromosomas XX é sinónimo de desgraza, de infelicidade, de incomprensión e de sufrimento. A mobilización cidadá fixo posible que o cruento e inhumano castigo fose posposto. Por fortuna, Mohammadí poderá contar a súa historia e incluso celebrar os 47 anos sen estar baixo terra. Todo un logro no eido persoal que agocha un fracaso monumental no eido dos dereitos humanos. A estas alturas da película, non podemos deixar pasar que existan países neste noso planeta que basean a súa xustiza na relixión. Nunhas crenzas que nada teñen que ver coa equidade, coa igualdade e coa xustiza con maiúsculas. Os maiores estragos á Humanidade fixéronse en nome ou por culpa das relixións. En nome dalgún deus ou dalgunha divinidade. E son xustamente esas crenzas, que de portas a fóra promulgan o amor ao próximo e a misericordia, as que maior crueldade, dor e barbarie exerceron en toda a historia. Queimaron xente viva, torturaron, bendiciron pelotóns de fusilamiento, auspiciaron guerras, lapidaron e pretenden seguir facéndoo alleos á democracia e aos dereitos elementais de calquera ser humano. No século XX presenciamos a consolidación de moitos dereitos económicos e sociais e o feminismo convértese en protagonista dunha revolución pacífica que xa comezara nas postrimerías do XIX e cuxo final non semella próximo nin sequera na maxín dos máis optimistas e idealistas. Inaugurado xa este novo milenio, non semellan existir fronteiras para as novas tecnoloxías, para descurir aparellos que alonxan cada vez máis a ciencia ficción do terreo onírico e futurista. Para ver o mundo en tres dimensións ou para atopar o antídoto contra a morte. Pero os próximos cen anos, desgraciadamente, non pasarán tampouco á historia polo éxito acadado en materia de xustiza universal. Xa nos avisou García Márquez: “Non agardedes nada do século XXI. É o século XXI o que agarda todo de vós”. Só nos queda esperar que, cos culpables das brutais e espantosas violacións dos dereitos humanos, a impunidade sexa inaceptable.

Comments are closed.