Sen calar

Se algunha declaración de principios hai que facer ao inaugurar un blog, esta é a miña: non penso calar nunca. Ante nada nin ante ninguén. Hai pouco quixeron facelo. Pero non vai resultar tan sinxelo. Coma xornalista, adoito falar do que sei. De xornalismo; do bo e do malo. De precariedade. De lamecús. De profesionais «sobre-colledores». Este artigo non veu nunca a luz. Por se a alguén lle interesa aí o tedes á vosa disposición. Para ler, para criticar ou para, simplemente, pasar o rato. Grazas e seguimos falando:

foroaberto_g[1]

Sen perdón 

O xornalismo está de loito. Andamos coa cabeza baixa e tristeiros porque a profesión xa case non nos dá alegrías. A crise dos medios estase a gañar un capítulo propio neste conglomerado heteroxéneo de crise hipotecaria, bursátil e alimentaria. Comezamos con despidos en pelotón, patadas no cú en masa sen repercusión social porque nos medios, por norma, non se fala doutros medios. Porque para as empresas xornalísticas é máis sinxelo ser altofalantes, críticos, xuíces e verdugos co que ocorre na factoría de Opel en Zaragoza que co ERE que, dentro duns días, deixará na rúa a 35 traballadores de La Región. Porque é máis doado encher espazos con entrevistas a albaneis en paro con pisos embargados, a contratistas arruinados vivindo da beneficencia que darlle a oportunidade de contar as súas calamidades a compañeiros desempregados, desilusionados e cunhas posibilidades mínimas de volver traballar no sector. Pero alén do victimismo e das desgracias de cadaquén, e aínda que endexamais sexa noticia, o certo é que algúns xornalistas andan estes días un pouco desnortados. Como eses dous pilotos que por ir discutindo se pasan 240 quilómetros do aeroporto onde tiñan que aterrar. Pois non sei se quilómetros, pero si quilos, que se di vulgarmente, se pasou o xornalista Carlos Luis Rodríguez nunha entrevista que lle fixo a Carlos Callón, presidente da Mesa Pola Normalización Lingüística, no programa Foro Aberto da Galega con motivo da manifestación a prol da lingua. Por aberracións coma esta si que deberiamos andar de loito os que tanto amamos e respetamos este oficio. De negro dos pés á cabeza. Por dentro e por fóra. O que fixo este home na televisión pública pagada por todos nós é un verdadeiro delicto informativo. Un ataque directo ás 50 ou 100 mil persoas que berramos “queremos galego”. Un exemplo de sectarismo político e de rancio e barato progubernamentalismo. Un insulto á intelixencia. O señor Rodríguez debería ser cesado e impedírselle que continúe enmerdando a dignidade desta profesión. Moito se cabrearon algúns cos gritos airados de “televisión manipulación” na manifestación do domingo 18 de outubro. Moitas clases de responsabilidade e ética xornalística lataron os que tanto defenden a obxectividade na TVG.

5 Responses a “Sen calar”

  1. M. Says:

    Pois filla, non se me ocurre maneira mellor de abrir un blog cun artigo censurado. Parabéns, pequena. A darlle duro.

  2. Clara Castilla Says:

    Grazas amigo. Sen ti isto non sería hoxe unha realidade. Teño a vantaxe de que nestes intres, para ben neste caso, non cobro de ninguén. Bicos

  3. Mercedes Casal Says:

    Clariña, di que sí: tú auténtica como siempre. Y en lo de que nadie te va a callar la boca, no me cabe la menor duda, te lo aseguro. Mucha suerte en este nuevo proyecto y te prometo que te seguiré desde Salamanca.
    Un beso y, eso sí, siento no corresponderte con el idioma.

  4. María Varela Says:

    Alégrome de que atoparas esa ventá desde a que proclamar os teus pensamentos sen censura ningunha. Noraboa polo blog, e tamén por querer tanto unha profesión tan maltratada. Agora… a escribilo todo! Quedamos no Patio de luces ;P

  5. Xoán Says:

    Sei que esta vai ser a continuación dunha gran historia de amor. a de Clara co xornalismo. Ánimo e até a victoria sempre.

Olark Livehelp